Oli Xiráldez

Nado en Redondela no 1970, aprendeu o oficio da fabricación de gaitas entre os anos 1990 e 1993 cos mestres Antón e Carlos Corral no Obradoiro Escola de Gaitas e Zanfonas da Universidade Popular de Vigo, e dende ese ano adícase á construcción artesanal de instrumentos de vento da tradición musical galega.

No ano 1993 funda o obradoiro de gaitas e frautas “OLI XIRÁLDEZ” na súa casa natal en Redondela, e o ano seguinte participa na primeira edición da “Mostra de instrumentos de música tradicional de Pardiñas”.

En outubro de 1995 realiza un curso especializado en requinta e traverso barroco no CENTRAD da Deputación de Lugo cos mestres Jesús e Luciano Pérez. En abril de 2001 trasládase á parroquia de Calo no Concello de Teo onde segue traballando na actualidade.

A actividade principal do obradoiro é a construcción de gaitas e frautas tradicionais galegas, e ademais, nos últimos anos, está desenvolvendo unha sección de reprodución de instrumentos de vento históricos (frautas renacentistas e barrocas, chirimías, oboes barrocos e clásicos, fagotes, musette barroca…) e gaitas de outras culturas.

A súa filosofía é a de facer os instrumentos de maneira artesanal participando de todos os procesos da construcción, dende o curado da madeira ou a fabricación dos escariadores até a elaboración das chaves ou os acabados con técnicas históricas.

No ano 2010 medíu e replicou as dúas gaitas de Barquín pertencentes á familia Pouso de Estás (Tomiño) dentro do proxecto “Treboada Galega” dirixido polo colectivo Xistra de Coruxo. Dende aquela xa ten replicado outros tres exemplares desta tipoloxía de gaita que deixou de soar nos anos 20 do século pasado.

Entre os anos 2024 e 2025 colaborou no proxecto de catalogación e estudo das gaitas galegas con chaves promovido polo CIFP Politécnico de Santiago de Compostela en colaboración co CIFP Paz Andrade de Vigo e o EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela.

Paralelamente ten unha dilatada traxectória como instrumentista de gaita, requinta e outras frautas traveseiras de sistema simple, en grupos como Chouteira, Tintafemia, Carapaus, Aire Xulia, Os Carambolos, O.C.T. Ultreia, Fondaos do Pífaro, Armadanzas de Laraño…

Entre os anos 1990 e 2001 tocou, a gaita no acompañamento da Danza das Espadas e as Penlas de Redondela, que se baila anualmente na celebración das festas da Coca nesta localidade da provincia de Pontevedra.

Participou en publicacións colectivas como «Treboada Galega» (Gaiteiros da Xistra 2012) ,«Congreso Faustino Santalices» (Difusora das letras, artes e ideas 2011) e Seminario de Estudos Redondeláns (Boletín no7-2017) con artigos relativos á construción e recuperación de instrumentos e melodías tradicionais galegas. Adícase ademáis a impartir obradoiros de cultura e artes tradicionáis (Enredos sonoros, construción de palletas, Treboada, Maios…).

Dende o ano 2006 é membro da directiva da Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG). Actualmente é o presidente da asociación de Artesáns de Teo ARTENEO.