Xaneco
Entra en contacto coa música tradicional nos anos oitenta, na Asociación cultural de Outeiro de Rei, onde comeza a aprendizaxe como percusionista de xeito autodidacta.

Dende entón está inmerso no mundo da Música Tradicional Galega como intérprete, formando parte de diversos grupos (Ac. De Outeiro de Rei, Lilaina, Aloia, Caldaloba…), na actualidade toca en Os Minhotos, Pingarela, Os Zanfoneiros da Tradescola, e Os Canallas, participando tamén na gravación de varios traballos discográficos.
O que comezou sendo unha afición apaixonante, foise convertendo pouco a pouco na súa vida profesional.
Foi secretario da Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), sendo Presidente Santiago Caneiro, dende o ano 1993 ata o ano 2015, data na que foi elexido presidente de dita asociación.
No ano 1994 foi o iniciador da primeira Mostra de Artesáns de instrumentos musicais que se realizou en Galiza, e unha das primeiras da península, coa intención de facer gremio no ámbito dos luthieres galegos, e por onde xa pasaron perto de 150 artesáns, e que aínda hoxe ten continiudade (e organiza xunto a outros 4 artesáns) na primeira fin de semana de agosto en Pardiñas, Guitiriz.
Aprende do seu Pai o oficio de carpinteiro-ebanista dende rapaz, o que lle posibilitou coñecer o manexo das técnicas e ferramentas para traballar a madeira. Isto facilitou moito as cousas cando decidiu facer o seu primeiro tambor no 1990, movido pola curiosidade e o reto de ser capaz de facer o seu propio instrumento.
Seguíu estudando tambores vellos e antigos, lendo libros e tratados sobre a percusión, para tratar de entender cales son as variables que inflúen no resultado final dun instrumento.
Comeza a facer instrumentos, coa intención de aportar unha mellora, tanto estética como acústica, na percusión Galega. Case sen se dar conta, acumulou unha listaxe de encomendas que facilitou a posibilidade de poder dedicarse profesionalmente ao oficio de luthier.
Ao mesmo tempo continúa formándose na construcción doutros instrumentos.
No ano 1995 entra en contacto coa zanfona, facendo un curso de iniciación para aprender a tocala, organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos en Lugo, e que impartiu Laurent Tixier, a partir desa data comezou a recoller información arredor do instrumento, a través de bibliografía, artigos, conversas…
Ese mesmo ano tivo a oportunidade de facer un cursiño no Obradoiro da Deputación de Lugo, pero sen dúbida o que máis lle axudou a facer a primeira zanfona foi a colaboración desinteresada do luthier Xermán Arias, de Sarria, que se prestou a iso no seu obradoiro, indicándolle os pasos que seguía para facelas e transmitindo as técnicas de luthería que el aplica na súa construción.
No ano 1996 inicia a súa actividade profesional, conseguindo a carta de artesán (nº663) que expedía a Xunta de Galiza, e no ano 1998 o rexistro do obradoiro (nº 213).
Mantén o seu obradoiro na vila de Outeiro de Rei, no lugar de Soborvila, ata o ano 2010, ano no que traslada obradoiro ao lugar da Abeladoira na parroquia de Paz, despois de levar adiante a restauración dun conxunto de arquitectura tradicional , onde está situado hoxe o seu obradoiro.
No Ano de 2014 gaña o premio de Artesanía da Deputación da Coruña, ANTÓN FRAGUAS, na súa X edición, cunha zanfona que denominou “Carneifona”, o que supuxo un novo impulso e recoñecemento para seguir traballando de xeito tan apaixoado como cando comeza sendo un rapaz, por un oficio que non só lle permite viver facendo labras (que diría seu Pai), senón que tamén pode contribuir dalgún xeito, nunha actividade tan relacionada coa cultura tradicional, á normalización da cultura galega na nosa sociedade actual, aportando o que pode para mantela viva, nestes tempos tan aniquiladores da nosa identidade como pobo.
Leva máis de 30 anos facendo instrumentos, sempre evolucionando e incorporando novas técnicas e materiais, co mesmo obxectivo, que os instrumentos musicais que empregamos na nosa música tradicional acaden o máis alto nivel de elaboración, conseguindo así a mesma consideración que calquera outro instrumento musical.
Nestes anos de traballo fixo instrumentos para centos de asociacións espalladas polo noso País, para moitos grupos e músicos profesionais do panorama folc, tamén para fóra de Galiza, na maior parte dos países de América do Sur e de América do Norte, así como en toda Europa. Ao mesmo tempo tamén fai obradoiros de aprendizaxe, recupera xoguetes sonoros presentes na nosa tradición oral, imparte charlas e relatorios relacionadas co oficio de Luthier, recibe alumnado de colexios no obradoiro onde explica e contextualiza os instrumentos que fai e a súa utilidade social ao longo dos tempos.
A constante labor de estudo e investigación dos instrumentos antigos, a formación en técnicas de luthería, xunto co permanente contacto cos músicos e músicas no noso País, conxugado coas técnicas de construcción actuais, son a esencia do Obradoiro Xaneco. Isto permite que os instrumentos que alí se fan estén en continua evolución e mellora, tanto de carácter tímbrico como de afinación, sen afastarse da tradición musical de Galiza.
Na percusión que elabora a motivación fundamental é a da busca do mellor son posible, poñendo en valor a utilización da madeira local e a pel de cabuxa, estuda e investiga instrumentos antigos e experimenta a utilización de madeiras autóctonas de gran calidade (pradairo, cerdeira, freixo, nogueira). Tamén traballa a relación das medidas da caixa do tambor(altura e díametro), no resultado final do son.
Na construción de zanfonas, o obxectivo principal e manter a morfoloxía galega propia do instrumento, para iso estudou varias das moitas zanfonas antigas que hai no noso País, e collendo como modelo unha delas, a do cego de Carelle, fixo unha reintrepretación e actualización, elaborando un instrumento adaptado aos tempos que vivimos, mantendo a sonoridade e características da zanfona galega.
A constante do Obradoiro é a evolución, o estudo de instrumentos antigos e a súa reinterpretación, para obter uns instrumentos de calidade óptima que sigan mantendo a esencia cultural galega.
É Socio Fundador e membro da asociación de Obradoiros Artesáns da Terra Chá e socio dende os seus inicios de LABRA.




